As nosas sementes

Cada semente garda unha historia: un lugar, unha estación do ano, alguén que a coidou e un saber transmitido de xeración en xeración.

É moito máis ca un comezo. Dentro dela gárdase a memoria da terra, o saber das mans que a cultivaron e a promesa de todo o que aínda está por medrar. Pequena e silandeira, atravesa estacións e xeracións, pasando de man en man como un legado vivo. Cada vez que alguén a garda, a comparte ou a volve sementar, continúa unha historia colectiva que une pasado, presente e futuro.

Coidados das sementes

RECOLECCIÓN, LIMPEZA E SECADO

Gardar sementes é tamén un acto de coidado. Por iso compartimos algunhas prácticas sinxelas para recollelas, limpalas e secalas, pasos importantes para que se conserven ben e poidan volver medrar na seguinte tempada.

Algunhas ideas para ter en conta…

… durante a RECOLECCIÓN:

Normalmente recóllense cando o froito está ben maduro, escóllense exemplares sans e con boa producción. É importante evitar recoller as sementes cando choveu, ou pola mañá cando vai rocío por mor da humidade.

… durante a LIMPEZA:

Normalmente, as sementes límpanse de restos da pranta ou da polpa. Hai quen as mete en auga e así pode seleccionar as sementes que van ao fondo, pois se teñen vida son máis pesadas.

Tamén hai que ter en conta que non todas as sementes se lavan, algunhas secan nun ramallo.

… durante o SECADO:

É importante que sequen sen ter luz directa do sol. Podemos distribuír as sementes de forma homoxénea, por exemplo nun papel de cociña (que colle moi ben a humidade) e poñelas no marco dunha ventana ou nalgún espazo sen sol directo. O secado non pode superar os 45ºC.

En todo caso, cada persoa aprende a facer este proceso dun xeito diferente, segundo o lugar onde vive, o clima, a experiencia ou o que lle ensinaron outras persoas.

E ti, como gardas as túas sementes?
Se queres, podes compartir aquí os teus saberes, lembranzas ou formas de facelo para seguir tecendo xuntas este coñecemento colectivo.

Aínda non hai reseñas, escribe unha!

Catálogo de sementes

Neste apartado reunimos os nomes das sementes locais recollidas ao longo dos encontros e do traballo comunitario do proxecto. Cada unha delas foi aportada por unha coidadora local, e agora están dispoñibles para chegar a outras hortas nas bibliotecas de sementes.

Se vos achegades á biblioteca, cada unha das sementes terá unha ficha onde se recollen algúns dos seus datos máis importantes: nome, características, o lugar e a data na que foi recollida, o tempo axeitado para sementala e o nome da súa coidadora, que é a persoa que a gardou e a compartiu coa comunidade.

Este catálogo non é só unha listaxe de variedades, é tamén unha forma de recoñecer ás persoas que coidan a biodiversidade e manteñen vivos os saberes da terra.

Porque cada semente é pequena, pero dentro leva memoria, territorio e futuro. A partir destes coidados e saberes compartidos nace tamén o noso pequeno catálogo de sementes.

Apio
Berenxena redonda
Cabaciño
Cabaza (Cabelo anxo)
Cabaza pera
Cabaza tipo 1
Cabaza tipo 2
Cabaza vermella
Caléndula officinalis
Cebola chata
Cebollín
Cilantro
Coles rizas
Chícharo
Espinacas
Faba
Fabas (7 anos)
Fabas de León
Fabas lobas
Faba Lourenzá
Maínzo do país
Melón suízo
Millo amarelo
Nabos
Ñoras
Okra
Ourego
Pemento tipo Couto
Pemento morrón
Pemento morrón (Palencia)
Pemento Padrón
Pemento Piquillo
Pemento Ñora
Pemento americano
Pirixel
Tomate Muchamiel
Tomate Xigante
Tomate do país (Sra. Moeche)
Tomate Fandango
Repolo de Betanzos
Verzas
Verza riza
Xudías granates

Calendario de sementeira

A terra ten os seus tempos, e aprender a escoitalos é parte do saber que nos transmitiron as persoas que cultivaron antes ca nós.

Neste calendario recóllense orientacións sobre cando sementar. Non pretende ser unha regra fixa, senón unha guía baseada na experiencia local e nos ciclos da natureza. Cada territorio ten os seus ritmos, polo que este calendario tamén está aberto a novas achegas e aprendizaxes da comunidade.